- Este evento, que terá lugar ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e estrea patrocinador coa empresa tecnolóxica galega Intermax Technology
- Os participantes na Intranet, que poderán navegar ata a 40 Gbps, poderán comezar a acreditarse e instalarse dende primeira hora desta tarde, cando a party abre as súas portas de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso escalona, se ben o evento e o programa non comezarán ata mañá.
- Conta con medio centenar de actividades programadas, con propostas exclusivas para inscritos e tamén obradoiros e áreas de lecer de acceso libre durante os dous primeiros días.
Silleda, 31 de outubro de 2024.- A XGN Intermax 2024 arrinca mañá oficialmente na Feira Internacional de Galicia ABANCA, Silleda (Pontevedra). Será a 24ª edición desta lanparty, que é a maior de Galicia.
Os dous pavillóns principais do recinto feiral, de 10.000 metros cadrados cada un, acollerán nesta cita a máis de 800 inscritos na Intranet do evento, os cales ata o vindeiro domingo desfrutarán e compartirán os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.
As persoas rexistradas na party -cuxo número aínda pode aumentar, pois a inscrición segue aberta na web do evento- dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. E todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps, o que supón o dobre que na pasada edición.
Estes participantes na Intranet da XGN Intermax poden acreditarse e instalarse desde primeira hora desta tarde, cando a party acende motores de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso escalonado, aínda que o evento e o programa non comezarán realmente ata mañá.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, a cal contará durante os dous primeiros días, 1 e 2 de novembro, cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto.
Desde competicións ata talleres e conferencias
A XGN Intermax sumará na Intranet e a Extranet máis de 50 actividades con gran atractivo, entre as que haberá algunhas xa coñecidas polos asistentes e tamén novidades, como demanda un evento centrado nun ámbito no que a evolución e a innovación é constante.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN Intermax incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos ou a granxa de impresoras 3D, mentres que no apartado de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.
Así mesmo, organizaranse torneos de ata catorce videoxogos. Entre eles haberá oito con premios para os gañadores, que incluirán League of Legends, Counter-Strike 2, Valorant, Rocket League, FC24, Tekken 8, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart 8: Deluxe. As restantes competicións serán de Overwatch, Ultra Star, Sims, Lethal Company, Dragon Ball: Sparking! Zero e Clash Royale. A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como o trivial de cinema.
Ademais desta zona exclusiva para inscritos, a party conta novamente coa súa Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, 1 e 2 de novembro, e incluirá interesantes conferencias e obradoiros, varios dos cales se levarán a cabo por primeira vez. Os seus títulos son tan interesantes como “Monta e leva o teu propio dummy”, “Introdución a Arduino con ChatGPT”, “Introdución a Microbit”, “Refrixeración líquida para computadores”, “Iniciación á impresión 3D” ou, centrados en cosplay (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic), os talleres “Crea a túa propia máscara da praga” e “Crea o teu propio sombreiro de bruxa”.
Ademais, haberá áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que dotará de gran atractivo a esta 24ª edición, que estrea patrocinador coa compañía tecnolóxica galega Intermax Technology, e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a cal é impulsora da party.
Un respaldo co que esta cita segue traballando no seu obxectivo de converterse na segunda maior lanparty a nivel nacional.