- Nesta 24ª edición da party máis de 800 inscritos dispoñen dunha conexión de 40 Gbps, o dobre que na pasada edición
- Conta con medio centenar de actividades programadas, con propostas exclusivas para inscritos e tamén conferencias e áreas de lecer de acceso libre durante os dous primeiros días.
- Este evento, que ten lugar ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e estrea patrocinador coa empresa tecnolóxica galega Intermax Technology
- Antes da tradicional conta atrás da party gardouse un minuto de silencio polas víctimas da Dana que afectou ao leste e sur de España
Silleda, 1 de novembro de 2024.- A XGN Intermax 2024, a maior lanparty de Galicia, xa está en marcha na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. Unha 24ª edición que estrea patrocinador coa compañía tecnolóxica galega Intermax Technology, e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, a cal é impulsora da party.
Os dous pavillóns principais do recinto feiral, de 10.000 metros cadrados cada un, acollen ata o domingo a máis de 800 rexistrados na Intranet do evento, os cales xa desfrutan dende esta mañá dunha cita na que comparten os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.
As persoas rexistradas na party dispoñen dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. E todos eles teñen a posibilidade de navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps, o que supón o dobre que na pasada edición.
Como en cada unha das súas edicións, a party oficializou o seu inicio cunha conta atrás que deu paso a un vídeo resumo da súa pasa cita Sen embargo, hoxe este momento estivo marcado polas consecuencias da Dana que afectou ao leste e sur de España, gardándose un minuto de silencio polas vítimas desta traxedia antes da conta atrás.
En canto ao programa, arrincou hoxe para os rexistrados con máis dunha vintena de competicións centradas en arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización creativa do espazo individual dos particpantes na party) ou programación de robots para que compitan nun sinxelo xogo. Ademais, na área de hardware xa está en marcha a granxa de impresoras 3D e outros divertidos xogos para estes participantes.
Talleres e zonas de xogos na Extranet
En canto á Extranet, zona de acceso libre na que poden participar hoxe e mañá tanto os rexistrados como os visitantes ao recinto, destacaron os talleres tecnolóxicos, os cales se centraron na aprendizaxe sobre refrixeración líquida de computadores e montaxe dun dummy. No primeiro, os asistentes formáronse sobre como elixir pezas adecuadas, planificar a montaxe e tamén os pasos básicos para unha instalación eficiente e segura, optimizando así o equipo para obter o máximo rendemento. Respecto ao segundo, os participantes aprenderon a ensamblar un robot articulado e dinámico, un dummy 13, con pezas impresas en 3D e a través da comprensión do seu mecanismo. Unha experiencia divertida e educativa en montaxe de sistemas articulados na que ao final puideron levar o seu dummy.
Ademais, esta tarde aínda se celebrará outro obradoiro, centrado en cosplay (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic), baixo o título “Crea a túa propia máscara da praga”.
A estas propostas súmanse tamén desde esta mañá as áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.